12.10.06

Arco de triunfo



Unha escultura de Ramón Conde, elixida por un xurado como monumento conmemorativo da Fundación de Lugo. Estará situada nas proximidades da Praza Maior. Tres artistas presentaron obras ben diferentes a este concurso.
Unha escultura de Ramón Conde, que representa a orde do Emperador Augusto a Paulo Fabio Máximo para crear Lucus Augusti, foi elixida polo xurado como o monumento que conmemorará o acto da Fundación de Lugo. Tres esculturas optaron a este concurso de ideas enmarcado na campaña Lugo, Ponte Bonito, que ten como obxectivo embelecer e poñer en valor a cidade. O premio é o encargo da estatuta, por un máximo de 103.000 euros.
A comisión estética estivo formada polo Alcalde de Lugo, a Concelleira de Cultura e Turismo, o Vicerrector da Universidade do Campus de Lugo, o Enxeñeiro Municipal, un representante de cada grupo político con representación no Concello de Lugo, un representante do Colexio Oficial de Arquitectos e un da Escola de Artes e Oficios.
O xurado valorou o poder figurativo desta impoñente estatua, titulada "Arco do triunfo", que representa a entrega do mandato por escrito do Emperador Augusto a Paulo Fabio Máximo. O Alcalde destacou que "aínda que as tres teñen un grande mérito artístico, esta representa mellor a homenaxe ó fundador da cidade". O Concello e o escultor valorarán agora a situación física da estatua, que ten unha altura dun metro no pedestal e 2 metros nas figuras. A intención do equipo de goberno é situala nas proximidades da Praza Maior.
Ramón Conde é un famoso escultor que ten obras nas principais cidades galegas. Unha das máis coñecidas no noso municipio é a de Ánxel Fole, situada detrás da Casa Consistorial.
José López Orozco explicou que o Concello está a valorar a compra da segunda estatua desta votación, a de Leandro Seixas, titulada "Kardus". "Estudiaremos a súa compra para outra parte da cidade", dixo.
A terceira obra presentada corresponde a José Ángel Merino e titúlase "Lugo mirando al futuro". O autor presentou unha foto da súa obra e unhas infografías explicativas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario